top of page
Buscar
  • Foto del escritorPetricor Ourense

"o compromiso de sarmiento"

A entrada de hoxe, recolle a reflexión de José Antonio Sarmiento Campos, do departamento de Didáctica, Organización e Métodos de Investigación, sobre a súa experiencia como docente no grao de Educación Social.

Sen dúbida, un profesional que no noso primeiro ano, non só ensina, senón que tamén facilita os comezos nestes estudos e polo que lle agradecemos moito a súa constante dedicación e dispoñibilidade, e como non, a participación neste proxecto tan importante para nós.


"COMPROMISO"

Transitando máis aló da metade da miña vida fago traballar a memoria e percorro a última década tentando atopar, identificar e contextualizar aquelas situacións, momentos vívidos e experienciais que influíron no meu modo de ser e, coido, fixéronme mellor persoa


Dez anos de docencia, de compartir momentos, de establecer unha relación dialóxica con persoas que nun momento dado das súas vidas decidiron dar forma ao seu futuro a través dunha profesión de axuda que pretende dar resposta ás necesidades sociais dende unha visión puramente educativa (o que non ven ser outra cousa que xunguir educación máis sociedade e dirixir o carro da propia vida). Dez cursos con alumnado que se inicia no vieiro da Educación Social, dez anos aprendendo con elas e con eles e dez anos tentando ensinar... algo.


Dende o aquí e agora, o feito de lembrar todas estas persoas evoca en min unha sensación, unha intuición. Máis aló dos contidos conceptuais ou procedimentais está a motivación, o empuxe, o compromiso.


Se algo teño que destacar de todo aquelo que aprendín de vós e con vós, que foi moito, é o voso compromiso cos obxectivos da Educación Social, obxectivos que de seguro irán máis aló da vosa etapa académica e serán alicerces da etapa profesional. Aínda que sexa un concepto que non está de moda non podo deixar de asociarvos co termo vocacional. En fin, a través de vós puiden comprender e entender que significa o compromiso vocacional coa axuda á sociedade. Isto faime lembrar o que contaba un profesor que tiven, nembargantes un bo amigo, da relación que tiñan a galiña e o porco cun prato de ovos con touciño: a primeira está implicada, pero o segundo está plenamente comprometido.


José A. Sarmiento Campos




56 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page