top of page
Buscar
  • Foto del escritorPetricor Ourense

A opinión de Verónica


Esta entrada conta coa aportación de Verónica González Rodríguez,  a quen agradecemos moito o seu interese, a súa elaboración e participación neste proxecto.

Tras a súa experiencia como mestra de educación primaria durante once anos, fai a seguinte reflexión sobre a Educación Social no seu ámbito de traballo.



Levo traballando como mestra de educación primaria, en centros públicos galegos dende o 2008. Nestes anos mudei de destino en repetidas ocasións, tendo a oportunidade de coñecer diferentes realidades en escolas de variadas características (tamaño, situación xeográfica, orixe e nivel socio-económico do alumnado...). Pasado o tempo e analizando con perspectiva tanto a miña labor profesional, como a evolución do alumnado e intercambiando puntos de vista con outros docentes da mesma etapa educativa, cheguei á conclusión de que o alumnado que non acada os resultados que cabía esperar, precisa polo xeral de axuda que non se lle proporciona no centro educativo. Existe unha pequena porcentaxe de alumnado con dificultades graves de aprendizaxe, ben por algún tipo de enfermidade ou trastorno ou ben algún tipo de limitación intelectual. Agora ben, a meirande parte de alumnado cun rendemento por debaixo da media, posúe cualidades para acadar un bo desenvolvemento curricular, pero non chega a obter uns bos resultados por certas carencias en aspectos sociais. Moitas veces trátase de alumnado cuxas familias pasaron por situacións dramáticas (falta dalgún proxenitor, penas por consumo ou tráfico de drogas, malos tratos,...) e noutros casos non existe, aparentemente, ningún feito de gravidade, pero carecen de hábitos saudables (ausencia de rutinas, dificultades para as relación sociais, problemas de hixiene e/ou alimentación, falta de horas de descanso,...).



O profesorado carece, polo xeral, de formación específica para tratar estes temas coa familia ou co alumnado. Cónstame que moitos profesionais intentan axudar en todo o que poden (traballando de xeito coordinado co departamento de orientación, proporcionándolle pautas ás familias para que modifiquen os seus hábitos, ...), pero a realidade é que non estamos suficientemente formados para incidir nestes aspectos, porque o que as familias esperan de nós e para o que estamos preparados, é para impartir contidos académicos. É certo que se levan a cabo campañas nos centros educativos para concienciar de hábitos saudables e de temas de interese para a sociedade, mais semella que non están tendo a repercusión que cabería esperar. Por outra banda, os servizos sociais fan un traballo moi necesario pero, habitualmente, adoitan incidir soamente naqueles casos que xa son de extrema gravidade e, entre uns e outros, deixamos que unha considerable parte de alumnado sen problemas de capacidade nin trastornos que dificulten a súa aprendizaxe, pasen a engrosar a lista de fracaso escolar. Por todo o mencionado, considero que sería de vital importancia contar con profesionais de educación social en todos os centros educativos, para que poidamos erradicar de raíz as diferenzas coas que parte o alumnado e a educación cumpra esa máxima tan pronunciada de compensar as desigualdades sociais e dar oportunidades equitativas a todas as persoas, de xeito que nun futuro próximo contemos cunha sociedade mellor, máis formada e máis xusta. Verónica González Rodríguez

66 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page