top of page
Buscar
  • Foto del escritorPetricor Ourense

DIFERENZAS ENTRE A EDUCACIÓN SOCIAL E O TRABALLO SOCIAL


A Educación Social (ES) é unha profesión tan necesaria para a sociedade como descoñecida, é por esta razón que, unha vez que nas entradas anteriores tratamos de explicar en que consiste e cales son os ámbitos que abrangue, parécenos adecuado dedicar un tempo a mencionar o papel do/a educador/a social. Isto é necesario xa que moitas veces os/as profesionais da ES viven situacións de intrusión laboral e de falta de recoñecemento profesional, causadas polo descoñecemento da propia profesión. Ademais, tamén pretendemos dar orientación a aquelas persoas que teñen dúbidas respecto ao seu itinenario académico.



Unha das carreiras coas que se acostuma a confundir a ES é co Traballo Social (TS), este feito pode ser debido a que as dúas son profesións do ámbito do social, cuxos/as profesionais desenvolven funcións parecidas.


De acordo a Viana-Orta, López-Francés e Zayas (2018)* o grao de TS e o de ES están conformados por algunhas materias comúns, as cales están relacionadas coa Psicoloxía, a Socioloxía, a Antropoloxía e a propia investigación.

Así mesmo, ambas titulacións presentan materias distintas. Por unha banda, TS está máis centrada no Dereito, nos Servizos Sociais, na Saúde ou na Política e, por outra banda, a ES encóntrase máis orientada a aspectos educativos; como poden ser a Didáctica e a Organización Educativa, as Teorías Contemporáneas da Educación ou Programas de Animación Sociocultural (ASC) e Socioeducativos.



Despois da comparación de ambos plans de estudo, levada a cabo polas autoras anteriores, nós encontramos que a principal diferenza que hai entre ambas profesións radica na natureza ou no carácter da intervención que fan os/as profesionais dun e doutro campo.



O/a educador/a social realiza intervención socioeducativa, mentres que o/a traballador/a social desenvolve intervención psicosocial. É dicir, os/as traballadores/as sociais axudan ás persoas, grupos, comunidades, etc. a acceder aos recursos (sociais, culturais, educativos...) e os/as educadores/as sociais axudan ás persoas a elaborar os seus propios recursos.


Dende o noso punto de vista ambos perfís profesionais son necesarios, deben formar parte e traballar en equipos multiprofesionais, posto que a súa intervención pertence ao ámbito socio-comunitario.

Asemade, queremos deixar claro con esta publicación que os/as educadores/as sociais non somos inimigos/as dos/as traballadores/as sociais, senón que somos compañeiros/as que loitamos de maneira conxunta para mellorar a sociedade, claro está, que cada un e cada unha de nós desenvolve tarefas diferentes, aínda que teñamos liñas comúns. Polo tanto, somos pezas diferentes dun mesmo rompecabezas: o benestar da sociedade.




Despois da publicación desta entrada, se algunha persoa quere afondar máis nesta cuestión, recomendámoslle ler "ANECA Libro Branco Título de Educación Social" e tamén "ANECA Libro Branco Título de traballo Social". Estamos seguras que vos resultará moi ilustrativo o facelo.



* Viana-Orta, M.I., López-Francés, I. e Zayas, B. (2018). La formación en trabajo social y en educación social en España. Revista de Educación Social (RES), 26, 34-48.

104 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page