top of page
Buscar
  • Foto del escritorPetricor Ourense

A REFLEXIÓN DE DEIBE Fernández SIMO

Nesta entrada contamos coa axuda de Jesús Deibe Fernández Simo (Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa), un profesional que nos impartiu clase este último ano de carreira e do cal aprendemos moito, sobre todo, en materia de intervención socioeducativa con mocidade en dificultade social.

Aí vos deixamos o texto, pero antes queremos agradecer a Simo a súa participación neste proxecto. Moitas Grazas!


En primeiro lugar gustaríame darvos os meus parabéns por esta iniciativa que contribuirá a facer visible a nosa profesión.


A educación social ten que facer fronte a retos de elevada complexidade. Unha parte fundamental do noso traballo é detectar as necesidades das persoas ás que acompañamos. Temos que prestar unha atención constante ós trocos que cada participante ten na súa realidade vital.

Eu sempre digo que traballar na educación social supón un exercicio de alta esixencia. Non vale só con ser boas persoas (cuestión imprescindible para ser boa profesional), senón que hai que estar en formación constante.

Só con unha actualización permanente, así como con un cuestionamento do noso facer, poderemos adaptarnos ás demandas dos e das participantes que acompañamos.


No meu caso traballo con mocidade en dificultade social. Xa sabemos que a xente moza é especialmente sensible a todas as transformacións que acontecen na sociedade.

A adolescencia é unha etapa vital na que todo o que ocorre no entorno é absorbido como unha esponxa. Cada adolescente interpreta a súa realidade e toma decisións segundo a información recibida.



A educación social ten que acompañar no proceso de relación coa contorna, facilitando espazos de participación dende os que empoderarse. Favorecer escenarios dende os que poder falar é un paso imprescindible para fomentar unha consciencia crítica, tan necesaria nos tempos de incerteza nos que vivimos.

O diálogo e o apoio son puntais claves no proceso de acompañamento. Recordemos que as consecuencias da exclusión social actúan como pesas que dificultan o avanzar vital das persoas que viviron situacións verdadeiramente duras.


Complexa a labor da educación social. Os retos non teñen que ser unha escusa para cesar no noso facer. Considero que deben de ser o elemento motor do noso actuar. Convídovos a continuar avanzando nunha tarefa que contribuirá a facer máis equitativa esta sociedade. Agardo que pronto vexamos escolas nas que ser pobre non sexa unha condena ó fracaso escolar.


O sistema educativo galego ten pendente asumir que sen acción socioeducativa non poderá ser nunca equitativo. Non podemos cesar no esforzo por facer chegar o que é unha evidencia a toda a sociedade. A opinión pública ten que entender que sen apoio da educación social e escola seguirá reproducindo a cadea da exclusión social para 3 de cada 10 alumnos e alumnas.

Penso que temos moito por facer.


Parabéns compañeiras e avante. Cando máis educación social máis xustiza social.


Grazas.

Deibe Fernández-Simo

66 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page